8/1/13

NOVAS






Benvido a este espazo na rede que o CEIP PADRE FEIJOO de Allariz pon á disposición da comunidade educativa co fin de mantela informada, de forma actualizada, de todas aquelas novas que se produzan e sexan de interese, así como dos servizos e actividades que este colexio ofrece.




NOVAS  DO  FIN   DE  CURSO  2015-2016

Recibos de comedor do mes de xuño: poden recollerse na Secretaría desde o martes 28 de xuño, das 9h00 ás 14h00.

Banco de libros de 3º, 4º, 5º e 6º: aínda non hai nada.

Vales de libros de 1º e 2º: aínda non hai nada.

O prazo para a entrega de solicitudes para o banco de libros e os vales rematou o 23 de xuño.

Inicio do curso 2016-2017: o día 12 de setembro.

Publicación listas de libros 2016-2017: en breve.




Circuíto de Educación Vial para Infantil.- Dentro das diversas actividades de concienciación sobre o coidado do medio ambiente levadas a cabo polo colexio este curso,  tivo lugar o Xogo da Serpe que tratou de potenciar o desprazamento do alumnado ao colexio por medios sostibles. Esta actividade desenvolveuse coa participación da DXT e seguindo nesa liña de colaboración o colexio progamou un circuíto de educación vial para os nosos nenos e nenas de Educación Infantil. Este circuíto estableceuse no patio do colexio de Primaria, o xoves 9 de xuño, durante a mañá. Os alumnos de Infantil  participaron no mesmo coas súas bicicletas, triciclos, patíns ou mesmo carros de bonecos.












 


Festa do Boi - "Os Monicreques":  Un ano máis os alumnos e alumnas deste colexio  viaxan no tempo ata a Idade Media. Convértense nos cativos que viviron naquela época para deste xeito dar vida a lenda de Xan de Arzúa. Nesta dramatización, e axudados polos monicreques, representan os diferentes gremios que había en Allariz, tales como os zapateiros, os muiñeiros, os ferreiros, os tablaxeiros, os panadeiros ou os carniceiros.















Día Mundial das Abellas:  O día 20 de maio foi declarado pola Federación Internacional de Asociacións de Apicultura como o Día Mundial das Abellas. Por este motivo a Asociación Galega de Apicultura desenvolveu ese día, dentro do Festival de Xardíns,  unha interesante actividade divulgativa sobre a importancia das abellas e os polinizadores. Os alumnos e alumnas do colexio coñeceron a importancia que teñen estes insectos para manter a biodiversidade e tamén participaron en varios obradoiros nos que vestiron o traxe abelleiro, elaboraron candeas de cera, casas de polinizadores e probaron diferentes tipos de meles. 
















Festival Internacional de Xardíns  2016:  por terceiro ano consecutivo, os alumnos e alumnas do colexio achegaron os seus deseños a este importante festival. Unha actividade que ven a enriquecer a súa formación ao ir máis alá dos espazos das aulas e que permite fomentar, tanto actitudes de respecto e coidado do medio ambiente como novas preocupacións estéticas. Para esta ocasión imaxinaron como será os xardíns do futuro que lles tocará vivir algún día. Un futuro que con ilusión fixeron presente nestes xardíns co fin de lograr un mundo máis fermoso, á vez que máis xusto e solidario.











 

XXI Encontros de Teatro Escolar e Amateur en Bande:  O xoves, 19 de maio, os alumnos de 6º de Primaria participarán no encontro de teatro escolar que se celebra en Bande. Os alumnos do noso colexio representarán a obra "As andanzas de Don Quijote". Durante ese día tamén aproveitarán para coñecer o campamento romano de Aquis Querquennis, lugar no que ademais xantarán.

 




DATAS DOS SIMULACROS DE EVACUACIÓN

Educación Infantil: 13 de maio
Educación Primaria: 1 de xuño
 

PLAN DE AUTOPROTECCIÓN:  foron elaborados dous plans de autoprotección, un para o colexio de Primaria e outro para o colexio de Infantil. Durante o mes de marzo o persoal docente recibiu a correspondente formación e no mes de abril foi posto ao día en técnicas de Primeiros Auxilios pola Cruz Vermella.


Corresponde agora poñer en práctica ditos plans co fin de realizar as melloras necesarias para a súa optimización. Nesta ocasión imos simular unha situación de emerxencia producida por un hipotético incendio incontrolado na cociña. Trátase de medir tempos de saída dos alumnos das aulas ao punto de reunión, de chegada de bombeiros, protección civil, etc, e avaliar a eficacia das estratexias deseñadas. Esto vai a permitir contar cuns plans prácticos que chegado o caso podan ser de enorme utilidade.


En consecuencia co anteriormente exposto vaise realizar un simulacro de evacuación en cada colexio que vai a movilizar ao 112, Policía Local, Protección Civil, Bombeiros, etc. Actuación da que deben estar informadas as familias para evitar crear unha situación de alarma innecesaria.

Os simulacros de evacuación, unha vez avaliados, serán posteriormente realizados todos os cursos durante o primeiro trimestre co fin de que os alumnos se habitúen ás pautas que deben seguir no caso dunha emerxencia.

  

O venres, 13 de maio, tivo lugar o simulacro de evacuación do colexio de Infantil. Os nenos e nenas, á vez que fixeron unha saída rápida e segura segundo o previsto, foron ademais espectadores do labor dos bombeiros.

 






  



Festa dos Maios 2016: o día 29 de abril tivo lugar no campo da Barreira a tradicional celebración da Festa dos Maios. Un curso máis, o colexio procura que non se perda esta fermosa e á vez importante tradición secular. Todos os nenos e nenas sairon do colexio ás 12h00,  xuntándose posteriormente cos alumnos do Instituto cos que se fixo unha exposición dos maios no paseo central de San Bieito ás 12h30. Ás 13h00  realizouse o tradicional canto das coplas. O acto acompañouse cun grupo de gaitas e outro de danza.
















Curso de Primeiros Auxilios: durante o mes de abril, as profesoras e profesores do colexio recibirán un curso de Primeiros Auxilios impartido pola Cruz Vermella. Esta actividade enmárcase dentro dun ambicioso plan de autoprotección que vai a poñer en marcha este centro. Con este curso preténdese que o persoal docente coñeza as técnicas básicas de intervención ante os diferentes tipos de accidentes que os alumnos podan sufrir co fin de resolver situacións de emerxencia aplicando os procedementos máis axeitados en apoio da asistencia sanitaria.



Ler conta moito: o venres 22 de abril, os alumnos de 4º, 5º e 6º de Primaria asistirán na Casa da Cultura á actividade Música co Abecedario. Fantasía coas palabras que se desenvolve  dentro do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Trátase dun programa de dinamización que busca achegar aos alumnos a lectura dunha forma lúdica. Esta actividade xa foi desenvolvida o 15 de abril para os alumnos de 1º, 2º e 3º de Primaria.





Visítanos Susa Herrera: o venres,  15 de abril, veu ao colexio Susa Herrera para presentarnos o seu novo conto cantado "En Cabárceno se oye cantar" e no cal dez animais cobraron vida ao ritmo da música. Esta actividade foi para os alumnos de Infantil 5 anos e tamén para 1º e 2º de Primaria.







Encontro con Alfonso Mascuñana Bordas: o venres,  15 de abril, os alumnos de 5º de Primaria tiveron un interesante encontro con Alfonso Mascuñana Bordás, voluntario na Illa de Lesbos  que nos contou en primeira persoa a súa experiencia cos refuxiados da guerra de Siria. 







ECOAUDITORÍA. O xoves, 17 de marzo, os alumnos de 5º de Primaria realizaron unha "ecoauditoría" de todo o colexio. Esta actividade foi desenvolvida dentro do proxecto "Integración da Conservación do Medio Ambiente no Ensino de Educación Infantil e Primaria" que se leva a cabo no centro entre os cursos 2015-2016 e 2016-2017. Os alumnos de 5º formaron varios equipos auditores que se encargaron de avaliar as diferentes aulas e espazos. Para a realización desta auditoría contaban con varios cuestionarios facilitados pola asociación ecoloxista Adega. Con esta actividade trátase de medir a calidade ambiental do colexio e coa información recollida elaborar un "informe final" que permita poñer en marcha as actuacións necesarias para mellorar os problemas detectados.


   
Os alumnos poñen os chalecos que os identificarán como "Ecoauditores"


Os "ecoauditores" preguntan aos alumnos como coidan o medio ambiente desde a súa clase


Os "ecoauditores" revisan a fondo si se recicla axeitadamente, á vez que elaboran os informes



Os "ecoauditores" recollen todo tipo de datos que lles permitan diagnosticar a calidade ambiental do colexio.













O Xogo da Serpe en 2016:

Durante o primeiro trimestre de 2016 o colexio iniciará, en colaboración coa DXT, o Xogo da Serpe. Do 1 ao 15 de febreiro será o tempo de preparación polo que a súa posta en marcha será finalmente do 15 de febreiro ao 1 de marzo. As familias recibirán unha carta informativa o día 11 de febreiro. O xogo da serpe é unha campaña dirixida aos nenos e nenas e aos seus pais e nais para animarlles a ir ao colexio con medios sostibles tales como camiñando, en bicicleta ou  en autobús. Consiste nun xogo fácil de poñer en práctica e útil. O xogo permite organizar outras actividades en paralelo para mellorar a educación de todos en materia de mobilidade, medio ambiente e saúde. O xogo da serpe comezou como un proxecto pequeno en Flandes (Bélxica) e aos poucos foi crecendo ata converterse nunha importante campaña europea, na que participan escolas en diferentes países. Os datos mostran que o xogo aumenta o número de viaxes á escola en modalidades sustentables. Para axudar a estender esta boa práctica en Europa, creouse a Rede do Xogo da Serpe formada polos Puntos Focais Nacionais de 18 países europeos. O propósito principal da rede é apoiar a campaña en cada país, ampliar o seu impacto e compartir os resultados e as experiencias entre os seus participantes.







Cada día que os alumnos realicen un desprazamento sostible ao colexio recibirán unha pegatina que irá colocada na serpe que se mostra na fotografía e que está situada no cuberto do patio de Primaria. Unha vez que se atope chea a serpe os alumnos obterán premios e regalos segundo os puntos conseguidos. Participan os alumnos de Primaria e os de 5 anos de infantil. Para os alumnos de 3 e 4 anos haberá materiais e outras actividades.






Entroido 2016 o venres,  5 de febreiro, ás 12h, os alumnos de Infantil e de Primaria celebraron o Entroido no pavillón de deportes. Este ano estivo adicado ás diferentes culturas do mundo coas súas vestimentas.



















  







Celebración do DÍA DA PAZ: os alumnos de Infantil e Primaria celebraron o Día da Paz cun fermoso acto o día 29 de xaneiro,  no pavillón dos deportes. O acto consistiu nunha homenaxe á Paz e este ano houbo un especial recordo para Bolivia. Esta actividade levouse a cabo no pavillón e estivo aberta a todas as persoas de boa vontade.





















Nova Aula de Informática no colexio de Infantil: dende o mes de xaneiro, e unha vez solucionados todos os aspectos técnicos, o novo colexio de Educación Infantil conta xa coa súa propia Aula de Informática. Deste xeito o centro dispón dende agora de dúas aulas de informática: una para Primaria e outra para Infantil. En total, os alumnos e alumnas teñen a súa disposición nestes espazos  50 ordenadores.
Aula de Informática de Educación Infantil





Aula de Informática de Educación Primaria




O Paxe Real recolle as cartas para os Reis Magos: coa participación da Anpa, o venres 18 de decembro, foi recibido o Paxe Real quen fixo unha longa viaxe dende Oriente ata Allariz para recoller as cartas dos nenos e nenas do colexio. Tamén deu lectura a unha mensaxe das Súas Maxestades os reis Magos e repartiu caramelos. Unha vez recollidas todas as cartas regresou a Oriente pola tarde para que as súas Maxestades as lean canto antes e así poder preparar os regalos.








A visita do Apalpador: coa participación da Anpa, o mércores, 16 de decembro, chegou un ano máis ao colexio o Apalpador dende as montañas do Courel para agasallar aos nenos e nenas con caramelos.

















Celebración do Magosto: o martes 10 de novembro, o colexio celebrou o Magosto. Os alumnos de Infantil tiveron o seu propio magosto dentro do recinto do seu colexio. Os de Primaria desprazáronse en autobús ata o campo de Torneiros.



AGRACEDECEMENTO


A realización desta actividade, así como o desprazamento de 275 alumnos á campa de Torneiros, é unha tarefa complexa que só foi posible grazas a colaboración de moitas persoas: ao Concello de Allariz por autorizar o uso deste espazo natural; aos veciños de Torneiros pola cesión da caseta da festa e a achega de leña que fixeron; á empresa de transportes por atender a petición de non cobrar o desprazamento; ás nais colaboradoras do comedor pola axuda prestada na preparación de todo o avituallamento; aos panadeiros de Allariz polas empanadas, bolos preñados, rosquillas e bicas tan ricas que fixeron; ás nais e pais pola súa compresión ante os fallos que puidera haber; ás mestras e mestres de Infantil pola atención prestada aos seus 133 alumnos, ao medio día, no colexio; ás mestras e mestres de Primaria pola súa colaboración e asunción de responsabilidades nun medio no que non resulta doado coidar de tanto alumnado como é o monte.

No nome de todos os nenos e nenas, moitas grazas!!













MAGOSTO  DE  EDUCACIÓN  INFANTIL







                    
   
Asociación Española de Jardinería Ecológica: esta asociación estivo no colexio o mércores, 28 de outubro, para que os alumnos de 6º de primaria realizaran varias actividades de xardinería no patio. Trátase dunha asociación sen ánimo de lucro que busca difundir a xardinería sostible con criterios ecolóxicos. Esta iniciativa quere dar a coñecer as ferramentas e os coñecementos necesarios para crear e manter espazos verdes.    







Samaín 2015: o día 29 de outubro, os alumnos e alumnas de 1º a 6º de Primaria celebrarán o Samaín. Esta celebración terá lugar na Biblioteca onde haberá varias actividades e sorpresas.               







Clica no seguinte enlace si queres ver esta festa do colexio na TVG:   O noso Samaín na TVG



O SAMAÍN DE INFANTIL













O  SAMAÍN EN PRIMARIA












Cándido Pazó e as Memorias dun neno labrego: con motivo da celebración do 50 aniversario da publicación do libro de Xosé Neira Vilas "Memorias dun neno labrego" e con motivo tamén da celebración do Día da Biblioteca Escolar, os alumnos de 5º e 6º de Primaria asistirán á posta en escena da representación que o actor e director teatral Cándido Pazó realiza baseándose nesta obra. Esta actuación terá lugar o día 23 de outubro, ás 12h30, na Casa da Cultura.







Visita a Celanova de 6ºA e 6ºB: o mércores 14 de outubro, os alumnos e alumnas de 6º de Primaria tiveron unha saída durante a cal visitaron Vilanova dos Infantes e o seu centro de interpretación. Tamén coñeceron o Mosteiro de Celanova, a biblioteca do IES instalada en dito mosteiro e a capela de San Miguel. A continuación visitaron a Casa dos Poetas e o castro de Castromao.



















Proxecto Solidario con Bolivia:  durante este curso 2015-2016 realizarse un proxecto solidario con Bolivia no que se involucre a toda a comunidade cultural de Allariz. O punto de partida será a presentación do traballo que está a levar a cabo o Dr. Manuel Garrido Valenzuela, creador dunha importante ONG e dun Hospital Infantil nese país.






Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que, en colaboración con diferentes consellerías, trata de fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas que desenvolvan de xeito paralelo as competencias básicas e a educación en valores. Os plans buscan un avance nas dinámicas de mellora da calidade educativa favorecendo a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo e colaborativo do alumnado e do profesorado implicado.



Para o curso 2015-2016 estará orientado aos alumnos de 5º e 6º de Primaria. Levarase a cabo no colexio o programa Mobilidade Sostible e Segura en colaboración coa DGT. 

O obxectivo do programa é promover modos de mobilidade sostibles e seguros para toda a sociedade adaptados ao contexto viario en que vive o alumnado. Partindo desta base quérese reintroducir a educación viaria na escola non como a aprendizaxe de normas e sinais para futuros condutores, senón cunha finalidade transformadora que cuestione os modos de mobilidade imperantes e que favoreza a participación do alumnado na elaboración de propostas de mellora que garantan a súa seguridade nos seus desprazamentos e, sobre todo, que promovan modos de mobilidade máis saudables para toda a comunidade.





Cursos 2015-16 e 2016-17
Integración da Conservación do Medio Ambiente no Ensino de 
Educación Infantil e Primaria.
Foi solicitado ao CEFORE un traballo de aprendizaxe por proxectos o cal levarse a cabo durante dous cursos escolares (2015-2016 e 2016-2017). Trátase de obter concienciación sobre a importancia de preservar o Medio Ambiente a través da acción de todos os membros da Comunidade Educativa.
As medidas organizativas internas do centro previstas para o desenvolvemento do plan consisten na distribución do traballo por pequenos grupos ou comisións. Cada grupo encargarase de procurar información, seleccionar e preparar o material para posteriormente utilizalo na aula e nas dependencias escolares. Tamén se tratará de poñer en funcionamento un blogue no que se recollan as actuacións que se vaian realizando.

O seguimento e avaliación do plan farase mediande a avaliación continua, motivo polo que se realizarán rexistros das actividades desenvolvidas nos que se comprobarán que se axustaron ao previsto, modificándose os aspectos da metodoloxía que sexan necesarios. Haberá formación e docencia para o profesorado implicado no proxecto e será adquirido todo o material necesario para as aulas e outras dependencias do colexio (contenedores, composteiro, etc).
As actividades asociadas que leva son as seguintes

·         Un Curso: Formación Documental


·         Un Seminario: Conservación do Medio Ambiente dende a escola.











Equipamento para o patio de Infantil: foi solicitado á Consellería material de xogo para o patio do colexio de Educación Infantil. Este equipamento foi instalado o 26 de xuño de 2015. Os alumnos terán dispoñible este equipamento o próximo curso.